Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Uvigo
+34 986801999
mastersocialmedia@uvigo.es

TFM

O Traballo Fin de Máster consiste nun proxecto práctico no que o alumnado, de forma individual, deseñará e implementará a súa propia estratexia de comunicación en redes sociais e medios dixitais para construír unha reputación orientada ao mercado laboral ou ao emprendemento. O traballo abarcará tanto os aspectos relacionados con estratexia, métricas e avaliación da eficacia das accións expostas como os relacionados coa creación de contidos dixitais (web ou blog, redacción, deseño, fotografía e vídeo).

Para que serve?

O modelo de TFM proposto reforza a orientación profesionalizante do máster, dado que proporciona ao alumnado a tutorización e acompañamento do profesorado no proceso de elaboración dunha carta de presentación imprescindible para a súa entrada no sector da comunicación en medios sociais xa sexa por conta propia ou allea: a súa propia presenza no medio dixital. A mellor maneira de demostrar o conxunto de competencias adquiridas a un empregador ou a un futuro cliente é a propia presenza dixital do alumnado tanto na súa vertente de deseño estratéxico, planificación de medios e avaliación da eficacia como na súa vertente de creación de contidos dixitais en texto, fotografía, deseño e vídeo. O TFM que propoñemos é unha vía adecuada para que o alumnado aplique dunha forma integrada o maior número de competencias adquiridas no plan de estudos e non só unha vertente das mesmas.

Coa finalidade de orientar o traballo do alumnado deseñouse o seguinte procolo de elaboración do TFM

 

Quen coordina o TFM?

A coordinadora de TFM é a profesora María Isabel Míguez.

A Comisión Académica de Mestrado asigna (a mediados do curso) de xeito aleatorio as titorizacións de TFM entre o profesorado do mestrado. 

En Moovi terás máis información, xa que se trata dunha materia máis dentro do plan de estudos